Sunday 19 de May de 2024

Román Rodríguez recordou na Feira do Libro Bonaerense que a cultura galega contemporánea non se entende sen o legado de Bos Aires


O titular de Cultura da Xunta pronunciou esta tarde a conferencia “Santiago de Compostela e a Cultura Galega” no marco da Feira do Libro de Bos Aires

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, impartiu no stand de Galicia da Feira Internacional do Libro de Bos Aires a conferencia “Santiago de Compostela e a Cultura Galega”. Na súa alocución, Rodríguez lembrou que a cultura galega contemporánea non se pode entender sen Santiago, pero tampouco pode facerse sen o legado de Bos Aires, cidade na que se editaron moitos dos títulos máis importantes da literatura galega durante o século XX.

O conselleiro lembrou que a participación e os vencellos de Galicia con esta feira de referencia para o sector do libro en América do Sur remóntase ás súas orixes e subliñou o especial da ocasión “ao ser designada Santiago de Compostela como invitada de honra deste ano”. Rodríguez concluíu que se trata “dunha oportunidade para a proxección da literatura, do libro e da cultura galega nun territorio que foi berce de algúns dos principais fitos da nosa construción cultural. Nun territorio que segue sendo referente do vigor da Galicia exterior, que non nos esquece e non esquecemos.”